A renda básica no FSGal
 Antoni Doménech, Daniel Raventós e Xosé Manuel Beiras destacaron o carácter de “recuperación de cidadanía social e tamén política desta medida”.

Santiago de Compostela, 7 Decembro 08. Perto de 200 persoas asistiron esta mañá ao debate sobre renda básica coorganizado pola Fundación Galiza Sempre na última xornada do Foro Social Galego, na que interviron o catedrático de Filosofía Moral Antoni Doménech e editor da revista Sin Permiso; Daniel Raventós, presidente da Rede Renda Básica e profesor na  Facultade de Económicas da UB e Xosé Manuel Beiras, presidente da Fundación Galiza Sempre.

Raventós comezou a súa intervención destacando as duras críticas que nun medio portavoz da patronal como a revista “Expansión”, recibiu a proposta da renda básica, que cualificaron de “liberticida”. Sinalou que esta proposta non se está a aplicar en ningún dos actuais estados do Benestar, europeos ou doutras partes do mundo, e consiste, “nunha asignación monetaria cuxa única condición para recibila é ser cidadán do Estado-Comunidade na que se reside”.

Nesa liña, diferenciou a renda básica “do resto das asignacións monetarias para as cales fai falta demostrar que se é pobre, como as existentes xa na actualidade nas comunidades autónomas do Reino de España”.

Os beneficios da renda básica

Raventós partiu dos “valores republicanos de cidadanía” para defender a renda básica, segundo os cales “unha persoa á que non se lle garanten unhas mínimas condicións de vida non é libre”. Apuntou tamén que a renda básica “incrementaría o poder da clase traballadora, sobre todo en caso de folgas, nas que serviría como caixa de resistencia”. Así mesmo, sinalou que esta medida tamén se defende desde sectores feministas.

O presidente da Rede Renda Básica explicoulle aos asistentes como, segundo un estudo a nivel catalán no que se aplicaría unha renda básica de perto de 6.000 euros netos anuais, as sete decilas máis baixas (70% da poboación) sairían beneficiadas, a octava decila quedaría máis ou menos igual e a quinta parte máis rica da poboación sairía perdendo.

“Debe quedar claro o que a renda básica pode resolver e o que non; non vai eliminar os paraísos fiscais nin o control que teñen as corporacións multinacionais sobre algúns pobos do mundo”, aclarou.

Antoni Doménech

O filósofo catalán realizou unha interesante revisión da historia dos valores republicanos polos que se estabelecían dereitos inalienábeis: por exemplo, ninguén pode asinar un contrato polo que se venda como escravo. Porén, Doménech lembrou que houbo sectores historicamente excluídos dos dereitos de cidadanía, como os escravos, libertos e mulleres non víuvas na República Romana ou como as clases obreiras no século XIX (sen dereitos de asociación, reunión, sufraxio universal e folga).

“O concepto liberal de cidadanía mantén amplos sectores fóra dos dereitos civís”, asegurou. Nesa liña, cualificou a proposta de renda básica como unha forma de “recuperar cidadanía social e se acaso tamén cidadanía política”.

Segundo Doménech, a partir de finais dos 70, “asistimos a un ataque contra a cidadanía política e a cidadanía social; e dereitos que se pensaban consolidados para sempre recibiron duros ataques, como demostra a baixa da taxa de sindicalización ou o abstencionismo electoral”. Denunciou a perda de poder dos gobernos democráticos, substituídos por “parlamentos virtuais” de accionistas e citou a Maquiavelo, quen aseguraba a imposibilidade de estabelecer unha República se existía unha clase poderosa de “gentil uomini” (magnates).

Liquidar as elites parasitarias e recuperar a soberanía dos pobos

Por iso, avogou por ter en conta á hora de plantexar políticas económicas alternativas, pensar na función que estas cumplen na determinación da estrutura de clases da sociedade. “Cos actuais impostos sobre a renda, os prexudicados da proposta da renda básica serían altos funcionarios, coma min”, ironizou, “que pagariamos un 49% a Facenda cun mínimo exento dos primeiros 6.000 euros. Por iso, sinalou a importancia de “xugular” as rendas inmobiliarias, financieiras e monopólicas para destruír ás élites e os magnates.

“Reaparecen os rendistas aos que Keynes e outros eliminaron no 44, clases parásitas”, asegura Doménech. Recordou que “baixo Eisenhower, os que cobraban máis de 200.000 dólares ao ano tributaban un 93%” e criticou a proposta de Zapatero de suprimir os impostos de sucesión e patrimonio.

Por último, sinalou que calquera alternativa pasa pola recuperación da soberanía dos pobos e das nacións, por “desmundializar”. “Sen soberanía non hai control posíbel dos movementos de capitais, hai que renacionalizar a economía”, enfatizou.

Xosé Manuel Beiras

O presidente da Fundación Galiza Sempre, cualificou a actual situación de “fase límite da vixencia da correspondencia entre sociedade e superestruturas estatais” e alertou de posíbeis derivas totalitarias dos actuais estados. Así mesmo, animou ao movemento altermundialista “a  reinventar a forma de facer política”. Beiras preferiu ceder a maior parte de tempo da súa intervención para as intervencións do público.

 
< Ant.   Seg. >
Themes and Templates by dezinedepot