No Brasil falan galego

 Santiago Agra-. Galiza e a Lusofonía. Unha relación non exenta de conflitos que o Foro Social Galego non podía eludir. Camilo Nogueira, histórico dirixente nacionalista, a artista Uxía Senlle e Elías Torres, presidente da Asociación Internacional de Lusitanistas, achegaron diferentes perspectivas ás máis de sesenta persoas que acudiron ao evento.

Antes de comezar, Camilo Nogueira pediu gardar un minuto de silencio polos mariñeiros mortos no naufraxio do pasado venres. Ao longo da súa intervención explicou os inicios do movemento altermundialista e os problemas do nacionalismo galego para inserirse nel. Fixo especial fincapé no feito de que “no Brasil falan galego”, e rexeitou a separación entre a nosa lingua e o portugués. Defendeu o emprego da ortografía portuguesa internacional na Galiza e sinalou que noso país ten valores que deben ser aproveitados desde a perspectiva altermundialista, como a elevada internacionalización da nosa economía.

A continuación Uxía Senlle falou da súa experiencia persoal na iniciativa Cantos na Maré como medio de favorecer o coñecemento mutuo entre os países lusófonos e presentar Galiza como un escenario aberto á diversidade. “Vivir de costas a Portugal significa que non dixerimos ben a Historia” foi un dos argumentos que empregou para defender o carácter lusófono do noso país e a nosa lingua.

Elías Torres rematou as intervencións dos poñentes alertando sobre a españolización da nosa identidade e a nosa forma de estar no mundo. Describiu a nosa situación como unha “autarquía moi precaria”, e asegurou que centros de dominio cultural que os poderosos non queren abandonar. Tras sinalar a escasa importancia da Galiza para os países lusófonos, o reducido tamaño do país permite mudar as cousas de xeito máis doado.

O debate estivo marcado pola participación de senlleiros personaxes do reintegracionismo, como o profesor Vilhar Trilho ou Alexandre Banhos, presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL) ou Concha Rousia. O movemento reintegracionista debe abandonar a contemplación e pasar a acción e loitar para mudar cousas como que sexa máis doado estudar portugués en Madrid que na Galiza ou evitar que cartos destinados a manter a situación actual poidan ser destinados a outras áreas.

As experiencias persoais formaron parte de moitas das intervencións. Experiencia de dentro mais tamén de fóra. Puidemos coñecer como a xente do Brasil confunde a cultura galega coa española, e a escasa identificación de Galiza como parte da comunidade lusófona, ou como galegos que van estudar a Portugal comproban que Portugal non fai ningún intento por achegarse a nós.

Pero nós queremos achegarnos a eles e ter o lugar que nos corresponde como nación da Lusofonía. Temos moito que achegar, cada un de xeito individual e como comunidade, a este movemento altermundialista. Somos países duramente golpeados polo sistema actual, e inmellorábeis caldos de cultivo para crear e construír alternativas.

 
< Ant.   Seg. >
Themes and Templates by dezinedepot