Eduardo Muñiz-. Con dúas partes ben diferenciadas, o debate Os medios de comunicación e a manipulación da memoria: Colombia como paradigma, derivou do xeral ao particular. O delegado de OSPAAAL, Xavier Ron, plantexou unha visión crítica das empresas informativas, que retomou, Carlos Portomeñe, para finalmente dirixilo á casuística concreta de Colombia. Nese punto chegou a quenda do refuxiado político Gilberto Torres, que ofreceu unha crúa e crítica visión do difícil momento que atravesa o seu país.
Os medios de comunicación como creadores de consenso social, este foi o punto de partida da introdución desenvolvida por Xavier Ron para un debate que tras postular as carencias das empresas informativas no tocante a súa responsabilidade social, dirixiuse cara a situación particular que vive na actualidade Colombia. Ron adxudicou aos medios de masas o papel de creadores dun imaxinario colectivo que lexitima, a base de mentiras, as actuacións dos gobernantes. Destácase que a empresa informativa, coma empresa privada, ten un eminente fin lucrativo, que as veces fai que “a responsabilidade social que se lle esixe estea cada vez máis ausente”. É importante, no relativo a esta dimensión mercantil, coñecer cales son os poderes económicos que se atopan detrás da empresa informativa. “A información é unha responsabilidade social que queda concentrada en poucas mans”. Tras este marco introdutorio, o discurso plantexado por Carlos A. Portomeñe, membro da dirección do Foro pola Memoria, continuou na mesma senda. “Existe unha falsa visión na sociedade de que os medios de comunicación son asépticos e non responden a intereses económicos”. Dificilmente asumíbel se a información está en mans de empresas, que pola súa concepción, procuran o beneficio económico. Máis, a información é moito máis que un negocio, e por elo Portomeñe plantexou que “os medios de comunicación, aparte de grandes negocios lucrativos, son transmisores de valores e ideoloxía”. O poñente exemplificou esta cuestión cunha serie de exemplos procedentes de diferentes momentos históricos, dende o papel que xogou o magnate da prensa norteamericana, Randolph Hearst no comezo da guerra de Cuba, a casos máis recentes, como o importante papel que xogaron os medios na chegada a presidencia norteamericana de Barack Obama. Nese punto o debate dirixiu o seu ollar cara Colombia, e o papel que xogan dous grandes grupos da comunicación españois nese país sudamericano: Planeta e Prisa. No caso dos primeiros, posúen máis do 50% do principal diario colombiano, El Tiempo, mentres que os segundos participan na maior rede de emisoras de toda Latinoamérica. Por engadido, Prisa agrupa tamén as editoriais Alfaguara ou Santillana, que teñen unha presenza moi importante no mercado de toda América Latina. Así pois resulta evidente que ambas empresas terán en conta os seus intereses empresariais á hora de informar sobre a realidade colombiana. Para completar a súa análise, Portomelle referiuse ao feito de que ámbolos dous grupos teñen unha importante participación –a lexislación non permite que sexa máis do 40%- en dúas das tres sociedades que compiten pola concesión da terceira canle de televisión privada do país. Finalmente, a conferencia abandonou a análise mediática para introducirse definitivamente no momento convulso que vive este país baixo o mandato Álvaro Uribe. “É moi grave a situación que sofre hoxe en día o pobo colombiano no tema dos dereitos humanos e as liberdades”, esta foi a crítica afirmación coa que o refuxiado político Gilberto Torres iniciou o seu duro relato. Baseándose nos informes de Nacións Unidas, lembrou que Colombia é o segundo país, tras Sudán, no que máis se violan os dereitos fundamentais. “Máis de 13.000 asasinatos dentro da poboación civil nos últimos cinco anos e 2.700 mortos dentro do movemento sindical”. “En Colombia existen sete millóns de desprazados internos e nove millóns de desprazados externos”. A difícil situación existente neste país non é de todo percibida a través do discurso mediático; “as noticias que chegan de Colombia son noticias sesgadas. Determinan que non hai unha guerra, senón unha persecución do estado aos terroristas”. Importante vitoria para a administración Uribe, que se presenta diante das potencias Europeas como un gobernante que loita con dureza contra as FARC. Pero como o propio Torres sinalou no seu relatorio –visiblemente doído nalgúns intres- “Colombia non é só prostitutas, narcotráfico e guerrilla. Tamén é paramilitares e terrorismo de estado”. Desalentador relato que o sindicalista viviu en primeira persoa. Leva sete anos residindo en España tras conseguir fuxir do seu país natal, onde fora secuestrado polos paramilitares. Uribe anunciou no seu programa electoral que ía rematar coa guerrilla pola vía da actuación militar. E nese punto se atopa, co hándicap de que “estase a levar polo medio á poboación civil”. As recentes informacións aparecidas nos medios falan de militares a comisión, que asasinaban a civís para despois vestilos con uniformes da guerrilla, afondan na dirección que expuxo Torres. Este membro da Asemblea Permanente pola Paz Civil en Colombia foi máis aló, indicando que militares e paramilitares non só camiñan da man, senón que “son un só”. Para exemplificalo recorre a súa dura vivencia principal, cando, tras estar máis de corenta días secuestrado na selva, a persoa que o mandou liberar era un maior do exército. Afortunadamente, e grazas o esforzo do seu sindicato, USO, logrou fuxir a España antes de que o asasinaran. A súa postura con respecto a solución desta problemática situación é firme: propostas de paz, diálogo social. Con esa idea naceu, fai nove anos, a Asemblea Permanente pola Paz Civil en Colombia. A solución que se esgrime dende a mesma é a procura de acordos e paz e xustiza social. Neste eido, a falta deste diálogo ten, no ollar de Torres, un principal culpábel: o presidente Álvaro Uribe. “Todo o que sexa ir na contra das súas ideas é terrorismo”. |