Os dereitos dos cidadáns nunha nova orde mundial

 Eduardo Muñiz-. A loita polos dereitos humanos, a redefinición do concepto de cidadanía nunha sociedade mundializada, e a relación destes dous termos cos gobernos e as institucións, tanto estatais como internacionais, foron os amplos eixos do debate Cidadanía, dereitos humanos e gobernanza planetaria, celebrado na mañá do sábado no Foro Social Galego. Moderados por Manuel Dios, participaron no mesmo Manuela Mesa, Luis Acebal, Roberto Mansilla, Margarita Ledo, Beatriz Fernández e o Arzil Bacal.

O primeiro punto en entrar a debate foi o concepto de cidadanía, da man de Manuela Mesa, que recalcou a contradición entre as concepcións clásica, ou nacionalista, do concepto e a concepción republicana. A primeira fai referencia aos factores étnicos e culturais presentes nunha comunidade, é un concepto baseado fundamentalmente na existencia dunha certa homoxeneidade dentro dunha comunidade, mentres que a segunda céntrase nos dereitos e deberes adquiridos por un individuo polo feito de nacer ou vivir nun territorio. Ambas concepcións precisan de revisión nestes tempos de globalización, nos que as diferenzas entre o local e o global son cada vez máis difusas. A idea de cidadanía alberga en si mesmo conceptos opostos, ás veces en combate, é e preciso que entren en debate, tal e como sinala Luis Acebal. A  cidadanía, neste século XXI, debe ser redefinida en pos da igualdade. É tempo de “superar a soberanía do pasaporte”, tal e como a define Bacal, e tratar de manexar a diversidade en termos de igualdade. 

“A globalización dilúe o concepto nacional das relacións sociais”, sinalou Manuela Mesa, recalcando como as dinámicas globalizadoras limitan a soberanía dos estados. Estados que ven como problemas xurdidos máis aló das súas fronteiras, como a actual crise financeira, precisan de solución que os estamentos limitados a unha estrutura estatal non poden dar. E preciso entón un sistema de gobernación multinivel. O problema radica en que os marcos de gobernación global existentes na actualidade -coma o Fondo Monetario Internacional ou o Banco Mundial- non cumpren uns mínimos requisitos democráticos. O proceso de democratización destes organismos supranacionais –dos que depende en boa medida o avance no respecto aos dereitos humanos, tal e como sinalou Mansilla- debe partir dunha redefinición das relacións dos cidadáns con estas entidades, proceso que debe comezar no ámbito local, tal y como sinalou Bacal. “O global é unha entelequia que debe levantarse dende abaixo”, recalcou neste mesmo senso, Luis Acebal.

Un dos estamentos claves no panorama mundial e a Organizacións das Nacións Unidas, da que Roberto Mansilla reclamou unha reforma que faga máis democrática a institución, unha democratización das votacións que equilibre a balanza de poder. Recalcou a excesiva capacidade do Consello de Seguridade, o que foi definido ironicamente polo sociólogo Azril Bacal como “consello de inseguridade”, recalcando que os cinco países con maior produción armamentística do mundo teñen dereito de veto no devandito Consello.Nesta redefinición do panorama internacional, os dereitos humanos deberían ser prioritarios, máis non é así, tal e como sinalou Roberto Mansilla. O primeiro paso para fomentar á súa implantación é que as persoas sexan conscientes dos seus dereitos como seres humanos. O coñecemento dos dereitos é clave para que o individuo poida exercer o seu papel nun mundo democrático, para elo é preciso que cheguen ao individuo. Feito que resaltou Luis Acebal en referencia á nova asignatura “Educación da Cidadanía e dos Dereitos Humanos”, que curiosamente esquece comunmente no seu nome está segunda parte. Nembargante “os dereitos humanos engaden un elemento de estabilización obxectiva que desborda e critica as diferentes ideoloxías ou relixións”, tal e como sinala Acebal. Máis, como tamén afirma esta analista do IGADI, “aínda estamos nunha fase de uso retórico dos dereitos humanos”.

A intervención da profesora Beatriz Fernández centrouse na pedagoxía destes dereitos, recalcando que “tódalas persoas teñen dereito a coñecer os seus dereitos”. Os dereitos humanos e a súa ensinanza poden fomentar a pertenza do individuo a un mundo global, o que capacitaría as persoas para coñecer os cambios que teñen lugar e actuar perante dos mesmos. Así o sinalou a profesora Fernández, que tamén apuntou que a educación en dereitos humanos conleva tres dimensións: “sentir, pensar e actuar”. O coñecemento dos dereitos que toda persoa ten polo feito de sela, conleva tamén unha responsabilidade, xa que non é labor tan só dos países e das súas institucións a preservación destes dereitos, senón tamén do individuo, auténtico depositario do poder democrático. A educación en dereitos humanos permite o cidadán, en verbas desta profesora de filosofía moral da USC, obter “comprensión e coñecemento de si mesmo e tamén dos demais”. Permite “formar persoas conscientes dos seus dereitos e responsábeis na súa relación con outros seres humanos”, aspecto base dunha democracia participativa.

En relación ao anterior, apuntouse no debate o dereito das persoas á unha formación permanente. Neste eido, os medios de comunicación de masas xogan un papel crucial. A catedrática de Comunicación Audiovisual da USC, Margarita Ledo, centrou a súa intervención no conflitivo binomio cidadanía-medios. Ledo recalcou o dereito dos cidadáns a unha información veraz, e o feito de que “a sociedade da información e do coñecemento debe ser construída a partires da idea de igualdade”. Para elo, debe garantirse ó aceso dos cidadáns ás novas tecnoloxías da información.

O terceiro concepto a debate, a gobernanza, plantexouse en oposición á gobernabilidade, concepto empregado con frecuencia polos gobernantes para xustificar ás vulneracións dos dereitos humanos. A gobernanza conleva transparencia, render contas perante dos cidadáns. A gobernanza implica, tamén, dar poder aos vulnerábeis, aos que carecen de poder para exercer os seus dereitos como persoas, tal e como sinalou na súa intervención Luis Acebal, da Asociación Pro Derechos Humanos. Neste marco, os dereitos humanos, dereitos indivisibles dos que o ser humano é portador, aportan a gobernanza estándares globais.

 
< Ant.   Seg. >
Themes and Templates by dezinedepot