|
A CIG e a Mesa defenden o galego como lingua oficial a todos os efectos no seu ámbito territorial no FSGal. Denuncian o “falso vitimismo” de certos sectores sociais “antinormalizadores”.
A CIG e a Mesa pola Normalización Lingüística defenderon, no espazo de debate que se celebraba esta mañá no FSGal baixo o epígrafe “Manifesto e iniciativas a prol da oficialidade plena do galego”, a necesidade de pular pola plena normalización do uso do galego en todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma. Ambas organizacións explicaron o labor que están a desenvolver nas súas respectivas áreas de traballo e rexeitaron o “falso vitimismo” daqueles que están en contra de que se potencie o uso da nosa lingua. Beatriz Vilaverde Santamariña, coordinadora da Liña do Galego, salientou o traballo que está a desenvolver a Mesa a través da propia Liña do Galego, que entrou en funcionamento no ano 2007. Un servizo gratuíto dirixido a toda a poboación que atende consultas sobre dereitos lingüísticos, tramita queixas cara ás institucións, empresas... que os vulneran, así como parabéns para quen dea pasos cara garantir o dereito a vivir en galego. Neste sentido, Vilaverde sinalou casos de empresas como Barreras ou Academia Postal, “por se decidiren a emprender un proceso de normalización lingüística”. A Coordinadora da Liña do Galego salientou que con esta inciativa tamén se quere “afortalar o obxectivo de dar cobertura e amparo ás persoas ás que se lles impide desenvolver a súa vida na propia lingua do país”, matizando que “moitos galegofalantes continúan a considerar normal a exclusión do seu idioma e iso é algo que queremos axudar a mudar, porque cando a poboación non é consciente dos seus dereitos, existe un déficit democrático que cómpre corrixir”. Pola súa banda, Alexandre Ínsua, da CIG, lembrou que, dada a situación do galego, ten que ser a sociedade civil quen pula polo cumprimento da legalidade, fronte os poderes públicos, que van ao remolque dos movementos sociais. Por iso, afirmou que “non podemos permanecer en silencio mentres a lingua galega carece do abeiro das institucións públicas”. E aí encadrou o traballo da CIG, en cumprimento dos seus propios estatutos e como organización sindical nacionalista que “aposta pola normalización cultural e lingüística da nosa lingua”, mesmo comprometéndose a redobrar os seus esforzos tanto no mundo laboral como no conxunto da sociedade. O Manifesto a prol da convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o galegoTanto a CIG como a Mesa salientaron a importancia do Manifesto a prol da convivencia e da igualdade de dereitos para o galego. Un manifesto que parte da idea fundamental de que o galego, como lingua propia e orixinaria de Galiza debe ser oficial a todos os efectos no seu ámbito territorial. Neste sentido, Ínsua lembrou que os falantes de galego son discriminados polo simple feito de o seren e alertou do perigo que corre a nosa lingua por mor da substitución lingüística e da campaña mediática articulada desde fóra de Galiza “que pretende convencernos de que é o español o que corre perigo”. Alén diso, o representante da CIG subliñou outros dos ámbitos de traballo da central en materia de normalización, como a negociación colectiva, as campañas en empresas, unha campaña concreta que se está a desenvolver na administración pública, a campaña na formación profesional e un esforzo constante en formación sindical e comunicación. Gabinete de Comunicación Confederación Intersindical Galega |