Entrevista con Lidia Senra (SLG)

 Lidia Senra: "Máis antes que despois aparecerá un novo escándalo alimentario".

Como valoras a celebración deste primeiro FSGal desde o SLG?

Parécenos moi importante que na Galiza empecemos a poñer en común e coñecer as multiples iniciativas que existen por parte de multitude de colectivos para enfrontar o neoliberalismo que destrúe as economías das persoas traballadoras e que destrúe o noso pobo, antepoñendo sempre os intereses do capital aos dereitos de persoas e pobos.

O Sindicato Labrego Galego (SLG) participa da Vía Campesina, podes explicarnos brevemente en que consiste e que análises máis xenéricas ten esta estrutura internacional sobre a situación do campesiñado?

A Vía Campesina é un movemento labrego internacional, integrado por organizacións que loitan pola supervivencia das labregas, dos labregos e das comunidades rurais en todo o mundo. Nós partimos de que as políticas agrarias neoliberais e de axute, aplicadas polos gobernos de todo o mundo e impostas polo FMI, BM e OMC destrúen as economías labregas, aprópianse dos recursos naturais e impoñen modos de produción insustentábeis no económico, no social e no medioambiental, o que leva ao empobrecemento das zonas rurais e das clases populares. Partimos tamén de que a alimentación é un dereito humano fundamental que debe estar garantido polos gobernos e non baixo o control das transnacionais agro-químico-farmacéuticas e da grande distribución. Fronte a isto, defendemos a Soberanía Alimentaria como o dereito dos pobos a decidir e definir as políticas agrarias e alimentarias que precisan e o dereito das labregas e dos labregos a producir a alimentación básica dos seus pobos.

Que pode proporcionarlle o FSGal ao SLG, e viceversa?

Enriquecemento mutuo e, ademais, creo que o FSGal pode traer ao SLG un espazo de alianzas, imprescindíbel para mudar as políticas agrarias e alimentarias. Nós entendemos que a política agraria e alimentaria é unha cuestión que debe ser abordada pola sociedade. Non se pode abordar dende unha perspectiva estritamente corporativista. A agricultura e a alimentación teñen impactos no conxunto da sociedade que poden ser negativos se as políticas son negativas (o que sucede agora mesmo) e pode ser enormemente positivo pola súa contribución en alimentación, en saúde, en biodiversidade, en conservar o medio e pola enorme achega que pode ter para o enfriamento do planeta. O SLG pode contribuír precisamente a alimentar o debate sobre que políticas agrarias e alimentarias e que explotacións e que modo de produción precisamos para que a agricultura e a alimentación respondan de verdade as necesidades do conxunto da cidadanía.

Enumera do un ao cinco, por exemplo, os problemas máis graves polo que atravesan as labregas/os do noso país:

1. Precariedade económica por mor da baixada continuada dos prezos dos nosos produtos e pola suda dos custos de produción.

2. Falta de recoñecemento social e institucional do noso papel na sociedade e da nosa achega na economía, no medio e na alimentación.

3. Falta de recoñecemento institucional dos dereitos das labregas.

4. Burocratización insoportábel como unha pantalla para unha seguridade alimentaria cada vez máis en entredito porque dende os poderes públicos non se fai absolutamente nada para promover un cambio dos modos de produción non dependentes do negocio agroquímico farmacéutico e da distribución. Como exemplo non se proiben os transxénicos, e todos os produtos alimentarios que os conteñen poden pasar toda a burocracia habida e por haber, pero máis antes que despois aparecerá un novo escándalo alimentario.

5. Privatización dos servizos públicos de atención e asesoramento para as explotacións agrarias.

6. Como consecuencia de todo isto, a continua desaparición das explotacións labregas.

Cando miras ao futuro do campesiñado galego, é esperanzador? por onde temos que ir...?

O panorama é sombrío, mais no SLG traballamos coa perspectiva de que as alianzas entre labregas, labregos e a cidadanía fará mudar as cousas. Isto danos moitos azos para seguir adiante na loita. Loita moi ardua e difícil cando as túas alternativas parten da confrontación e o combate das políticas neoliberais que campan ás súas anchas na Galiza, no Estado e na UE.

Se tiveras diante un altifalante, que che gustaría dicir a todas as xentes e movementos sociais que participan neste FSGal e á cidadanía en xeral?

Que temos que fortalecer as alianzas para facer outra Galiza posíbel e outro mundo posíbel e que, no ámbito da alimentación e da agricultura, facer a compra é un acto político e, polo tanto que debemos ser insubmisas e insubmisos negándonos a mercar alimentos de fóra se os podemos ter aquí e tamén negándonos a mercar á grande distribución. Apoiar os mercados locais e de proximidade e os circuítos curtos en todas as súas formas.

 
< Ant.
Themes and Templates by dezinedepot