Inicio arrow Artigos FSGal arrow O neoliberalismo ten alternativas
O neoliberalismo ten alternativas
Alfredo I. Diéguez-. …fronte a ese discurso ideolóxico -e mortífero-, existen alternativas posibles; alternativas elaboradas dende a teoría democrática e socialista apostando polo progreso social, a soberanía dos pobos e a defensa ecolóxica da natureza; alternativas posibles que seguro sairán á palestra no vindeiro I Foro Social Galego…

[Galicia Hoxe]

Na España opulenta, a mesma que comparte cadeira nas reunións do G-20 e que aspira a ingresar como oitava potencia mundial en grupos máis selectos, practicamente unha de cada cinco persoas (19,7% da poboación total) vive baixo o limiar da pobreza, das que un millón e medio ten ingresos inferiores a 280 euros mensuais, segundo datos que vén de facer públicos o Instituto Nacional de Estatística a través da denominada Enquisa de condicións de vida 2007 e que substancialmente vén coincidir cos datos que subministrara Cáritas nun recente estudo.

O dato, ademais, non é illado: está asociado a outros indicadores igualmente alarmantes, pois mostran con absoluta claridade unha tendencia, sostida no tempo, cara á concentración da riqueza en cada vez menos mans en detrimento das rendas procedentes do traballo, cada vez máis depauperadas e con menor poder adquisitivo.

A estas alturas, todo o mundo debería ter claro cal é a orixe dese proceso de concentración da riqueza: o libre mercado, que precisa de baixos salarios asociados a un consumo sostido mediante o endebedamento continuado no tempo como condición de elevados beneficios empresariais. Ora ben, considerando que no Cumio de Wáshington do G-20 se sostivo a "crenza de que os principios do mercado, o réxime de libre comercio e investimento e os mercados financeiros efectivamente regulados fomentan o dinamismo e o espírito emprendedor", debemos concluír que das propostas dese Cumio non van xurdir solucións para a crise que afecta a millóns de persoas en todo o mundo, malia as referencias á creación do emprego e á redución da pobreza recollidas no Documento final do Cumio.

Cómpre non enganarse: o neoliberalismo é un discurso ideolóxico, cando menos se consideramos que todas as propostas económicas emanadas desa doutrina: déficit cero, redución do gasto público, privatización das empresas e servizos que aínda permanecen en mans do estado, externalización das actividades e tarefas da administración pública, desregulación do mercado laboral, moderación salarial..., fracasaron no seu obxectivo declarado, aínda que sería mellor dicir cinicamente anunciado: a redución da pobreza e a consecución do benestar humano mediante a autorregulación dos mercados, pois só teñen éxito na intención que perseguen e, non obstante, ocultan co seu discurso -velaí a razón pola que é un discurso ideolóxico-: a concentración da riqueza nunhas poucas mans e a extensión da pobreza e a fame a sectores da poboación cada vez máis amplos. Porén, fronte a ese discurso ideolóxico -e mortífero-, existen alternativas posibles; alternativas elaboradas dende a teoría democrática e socialista apostando polo progreso social, a soberanía dos pobos e a defensa ecolóxica da natureza; alternativas posibles que seguro sairán á palestra no vindeiro I Foro Social Galego, que se celebrará durante os días 5, 6 e 7 de decembro en Santiago de Compostela (http://www.forosocialgalego.org), un acontecemento decisivo para organizar dende Galicia unha resposta á crise.

 
< Ant.   Seg. >
Themes and Templates by dezinedepot