|
Manoel Santos (Diagonal)-. Logo da resaca deixada polo movemento Nunca Máis e o progresivo distanciamento entre o Bloque Nacionalista Galego, que actualmente comparte o poder xunto ao PSOE, e os movementos sociais "antihexemónicos", estes experimentan un prometedor rexurdir.
Os 15 anos de goberno do franquista Manuel Fraga foron case unha guerra para os movementos galegos antihexemónicos. Moitas reivindicacións quedaron en segundo plano para crear unha alianza non escrita e acabar co fraguismo. Compría unha opción política, e moitos apoiaron unha alternativa de esquerdas pouco convencional, a do Bloque Nacionalista Galego (BNG), que, ao contrario que outras forzas nacionalistas do Estado español, carecía de apoio empresarial ou mediático e que levaba nos seus principios fundacionais termos pouco empregados no eido político, como organización en rede, ecoloxismo, antimilitarismo e antiimperialismo. Esta organización foi un dos alicerces da Plataforma Nunca Máis e do movemento homónimo, fundamentais na caída do que Xosé Manuel Beiras chamou a "peste Fraga". Coa sucursal galega do PSOE e o BNG no poder, as cousas mudaron. A Plataforma Nunca Máis desapareceu sospeitosamente e moitas reivindicacións sociais foron esquecidas ou aprazadas sine die polo bipartito. En tres anos de lexislatura a ponte social cos nacionalistas estaba, se non rachada, si desgaxada, e os movementos emprenderon o seu camiño cara á independencia partidaria, que non política. Así as cousas, 2008 foi fundamental para o rexurdir das voces alternativas antisistémicas. Os colectivos galegos son moitos e moi diversos, pero a súa atomización fai que as súas loitas sexan case sempre invisíbeis. É por isto que no último ano e medio xurdiron iniciativas de converxencia cun xeito de traballar, a rede horizontal, que, aínda que non está moi asimilado, vai dando froitos. Algunhas alianzas tiveron moito éxito. En 2008 consolidouse a rede Galiza Non Se Vende, que, integrada por 60 colectivos, ten a loita contra a destrución do territorio como horizonte. As súas convocatorias reuniron ata 10.000 almas. Tamén xurdiron redes pola soberanía alimentaria, contra os transxénicos, de comunicación alternativa, e consolidáronse outras, como as de economía solidaria, de comercio xusto, de consumo responsábel, etc. O 26 de xaneiro de 2008, respondendo ao Día de Mobilización e Acción Global do Foro Social Mundial (FSM), celebrouse en Santiago unha Asemblea de Movementos Sociais autoconvocada. Máis de 80 organizacións chegaron ao acordo de reproducir o proceso do FSM en Galiza. Fixouse a data do 5, 6 e 7 de decembro para que Galiza puidese participar cun foro xa celebrado no Foro Social Mundial de 2009 en Belém (Brasil), que remuda o celebrado en Nairobi en 2007. Baixo o lema "Pensar e construír alternativas desde Galiza", o Foro Social Galego (http://www.forosocialgalego.org) está ás portas. Seguramente non é unha fórmula máxica, pero sen dúbida axudará a recargar as pilas do activismo, a visibilizar os movementos e as alternativas ao neoliberalismo, a debater sobre a necesidade de restaurar pontes entre política e sociedade e, sobre todo, a tecer alianzas poderosas de cara a un 2009 que se prevé extraordinariamente intenso no que á loita social se refire. |