|
Manoel Santos-. O pasado día 7 unha representación de movementos sociais fomos recibidos no Parlamento galego por membros dos tres grupos –Laura Seara (PSdeG), Carlos Aymerich (BNG) e Roberto Castro (PP)– e mais a vicepresidenta da institución, Tereixa Paz.
O pasado día 7 unha representación de movementos sociais fomos recibidos no Parlamento galego por membros dos tres grupos -Laura Seara (PSdeG), Carlos Aymerich (BNG) e Roberto Castro (PP)- e mais a vicepresidenta da institución, Tereixa Paz. Aproveitabamos así a visita a Galiza da brasileira Graciela Rodríguez, muller clave no artellamento dos movementos sociais latinoamericanos na Alianza Social Continental -que conseguiu derrubar o ALCA-, para en conxunto transmitirlles ás forzas políticas dúas mensaxes. Por unha banda as propostas alternativas das redes sociais mundiais fronte á crise, facéndolles chegar a deputados e deputadas o documento Crise económica global: unha oportunidade histórica de transformación (www.altermundo.org/portal/content/view/1920/413/) e así debater sobre os cambios estruturais que, ao noso xuízo, deberían emprender os gobernos para mudar as regras do xogo xeopolítico mundial, comezando claro está pola casa nosa. A segunda mensaxe falaba de restauración, de comunicación. Buscabamos deste xeito un primeiro contacto para tentar establecer un diálogo directo entre a política e os movementos, que as máis das veces van por camiños diverxentes, e deste xeito recompor as necesarias pontes entre os aparellos de Estado -ou de nación neste caso- e a sociedade civil, nomeadamente a de pensamento antihexemónico. Laura Seara, nun exercicio de sinceridade, concluíu que na lexislatura que esmorece non se fixo dabondo para garantir a participación civil na política. Moi pouco por ambas as dúas partes. Mais foi Carlos Aymerich quen deu no albo ao afirmar que políticos e movementos temos todos eivas e contradicións, pero que estamos na obriga de entendérmonos. Fronte á nosa petición de crear unha comisión de diálogo entre movementos sociais e instancias políticas mesmo pariu unha boa idea. Crear na vindeira lexislatura unha comisión, ao xeito de como se fixo co da abortada reforma do Estatuto -pasaron por ela preto de 150 colectivos e persoas do país-, para reconstruír esas pontes hogano rachadas entre o poder político e o poder cidadán. A idea é boa, porén, para dar conta dela precisamos vontade política, mais tamén coordinación entre os movementos sociais en temas que a todos incumben. O inminente Foro Social Galego é unha grande ocasión para facermos a nosa parte. |