|
Alfredo I. Diéguez-. Na década dos noventa alzouse cunha potente voz o discurso da fin da historia; os tempos eran chegados: o capitalismo triunfante, vencido por fin o socialismo real, alzábase como único sistema viable e sen alternativa posible.
[Galicia Hoxe] Porén, nos últimos anos, desprovisto xa da máscara do benestar tras a que se ocultaba, o capitalismo volveu amosar a súa faciana real, a única que sempre tivo: a da explotación e a destrución. Velaí están, xa que logo, as innumerables probas, tanto en Galicia como no resto do mundo. Lembremos, pois, sen saírmos do país: a inestabilidade laboral, causante dunha elevada sinistrabilidade, lembremos os numerosos mortos na construción naval e civil, no mar ou nas estradas -consecuencia da fatiga laboral-..., dunhas xornadas laborais excesivas -recoñecidas recentemente por unha directiva da Unión Europea-, e da perda de poder adquisitivo da clase traballadora, cada vez máis empobrecida, como proba o feito de que a pobreza afecta xa ao 20% da poboación galega; a desigualdade da muller na sociedade -visible aínda en moitas prácticas cotiás, como a discriminación salarial, o desigual acceso a postos de responsabilidade (ben sexa política, institucional, administrativa ou empresarial) ou na asunción da carga familiar case exclusivamente pola muller...-; a marxinación de colectivos sociais completos, como os ciganos ou os inmigrantes, a quen lles negamos os dereitos máis elementais; a perversión da democracia, en tanto que a cidadanía apenas ten capacidade de control sobre o ben común e as decisións que lle afectan; a privatización de numerosos dereitos sociais, como o ensino ou a sanidade, que ao perder a súa capacidade integradora -democrática-, tenden a aumentar a factura social; a perda de soberanía, consecuencia da falta de control sobre a nosa alimentación e os nosos recursos; a destrución do noso litoral e dos espazos naturais máis emblemáticos do noso territorio, froito da especulación inmobiliaria e da actividade empresarial... Os efectos deste capitalismo de faciana neoliberal son evidentes: incremento das desigualdades sociais e degradación do medio natural. Neste contexto, pois, a sociedade galega non podía permanecer allea ao proceso de construción de alternativas que caracteriza o Foro Social Mundial; así, recollendo o mandato da Asemblea de Movementos Sociais Galegos, reunida baixo o lema "Cara a un Foro Social Galego", o pasado 26 de xaneiro, o Consello do Foro Social Galego, constituído o 29 de marzo, convocou, o pasado xoves 26, toda a cidadanía galega a que participe no I Foro Social Galego, que se celebrará en Santiago de Compostela os días 5, 6 e 7 de decembro (www.forosocialgalego.org). Baixo o lema "Pensar e construír alternativas desde Galiza", o debate no FSGal xirará arredor de catro eixes temáticos (Modelo económico e límites do crecemento, Vida e traballo, Soberanía e diversidade fronte a uniformización e imperialismo e Defensa das liberdades e dereitos sociais), e estará acompañado por actividades lúdicas. |