Inicio arrow Outros artigos arrow Walden Bello e a solución do agro
Walden Bello e a solución do agro
Famoso por predicir a caída dos tigres asiáticos, unha das figuras máis respectadas do altermundismo advirte agora do próximo 'colapso' do mercado global. Estivo na Galiza invitado polo Consello do Foro Social Galego e mais a Universidade Invisíbel. Entrevista con Walden Bello. Bocixa / R. Rei / M. Vilas (A Nosa Terra)

O sociólogo Walden Bello (Manila, 1945) é, canda Noam Chomsky e Susan Gorge, unha das caras máis coñecidas do movemento contrario ao capitalismo artellado nas sucesivas reunións do Foro Social Mundial. Autor de máis de corenta de volumes sobre modelos económicos alternativos, o seu título máis famoso é Dragons in Distress, no que en 1991 adiantou, con seis anos de antelación, a crise que rematou co milagre económico de Extremo Oriente, paradigma até entón do ultraliberalismo.

Bello naceu en Filipinas –onde foi preso por opoñerse a ditadura de Ferdinad Marcos–, traballa en Tailandia, deu clases en catro universidades dos Estados Unidos e colabora con prestixiosas publicacións internacionais como Le Monde Diplomatique ou Foreign Policy.

O mércores estivo na Facultade de Económicas da Universidade de Santiago. Foi invitado polo Foro Social Galego, que xa prepara a súa segunda edición tras o éxito da primeira xuntanza na que  centos de grupos ecoloxistas, sindicatos e culturais buscaron saídas á recesión dende Galicia. Unha crise que, en opinión de Bello, non se pode solucionar insuflando alento a uns bancos que seguen a especular cos cartos públicos, en vez de investilos nunha economía máis real, próxima e que, polo tanto, consuma menos recursos.

Que lle parecen as propostas do G-20 e o Banco Mundial para 'refundar o capitalismo'?

O G-20 ou o Banco Mundial son parte do problema, foron as institucións que promoveron as privatizacións e o mercado sen control. Polo tanto, son as últimas institucións das que debemos esperar que solventen a crise. Os gobernantes dos países ricos só están tentando gañar algo de tempo porque realmente non saben como saír desta crise.

Daquela non apoia o rescate da banca con cartos públicos?

Unha dúas solucións que propoñen é regular mellor o funcionamento dos bancos. Iso é algo moi importante, pero tamén dun alcance moi limitado. Do que deberan falar é de transformar os bancos en institucións que axuden á economía real. As axudas aos bancos son, en primeiro lugar, demasiado reducidas e, en segundo lugar, non están a ser usadas correctamente para fomentar o emprego. Ademais, estanas a distribuír internacionalmente a través de institucións que non son as adecuadas, como o Fondo Monetario Internacional. Moitos países nin sequera pedirán axuda ao FMI porque saben que a súa política, no lugar de promover o seu desenvolvemento, ten servido para promover a súa recesión. O FMI ten un historial moi negativo ao respecto.

Medrará entón a fenda entre os países ricos e o terceiro mundo?

Si. As solucións do G-20 non son adecuadas para estimular significativamente e de xeito continuado as economías, subindo o nivel da renda per cápita e asemade creando un modelo de crecemento respectuoso coa natureza. Isto é imposíbel de acadar cos programas tan curtos de miras que aprobaron.

Vostede defende que os países pobres non paguen as súas débedas aos ricos ...

O importe inicial de moitas destes débedas xa están pago varias veces, pois firmáronse cuns intereses moi altos. Os préstamos supoñen a miúdo entre o 15 e o 20 por cento do crecemento do PIB destes estados. Se estes cartos permanecesen dentro do país, declarando unha moratoria, servirían para estimular a economía e o emprego. Así non terían que contratar máis empréstamos ao FMI en malas condicións. Ademais, este é o mellor intre para aplicar a moratoria, pois os bancos  están moi febles.

O Foro Social Galego acaba de nacer, que poden aportar este tipo de iniciativas?

 É unha gran noticia que organizasen o seu propio Foro Social. Permiten deseñar novas vías para reformar a economía dun modo máis respectuoso coa natureza. Ademais, abren unha vía á participación do pobo, que non existe no sistema actual.

Un dos impactos concretos da globalización en Galicia é a crise dos gandeiros do leite, que non poden competir cos prezos das importacións masivas. Que deberían facer as administracións?

O mercado global dos alimentos foi distorsionado nos últimos anos polas industrias multinacionais e os seus aliados mediante estratexias de mercadotecnia. A solución está en centrarse nos produtores locais, que poden ser protexidos mediante tarifas especiais ou axudas públicas aos que se introduzan en cultivos ecolóxicos. Cómpre reestruturar a agricultura, de xeito que os alimentos locais sexan consumidos tamén localmente, no lugar de ter que importar, por exemplo, leite producido a centos de quilómetros de Galicia. A isto chámaselle o 'principio de subsidiariadade', é o futuro da agricultura porque o mercado global está en proceso de colpaso.

Daquela debe a Unión Europea seguir coas axudas aos seus agricultores, malia que poida ser inxusto cos campesiños dos países pobres?

A maioría destas axudas acaban nas grandes compañías, os pequenos granxeiros non ven a maior parte deses cartos. Os subsidios aos pequenos granxeiros son moi lexítimos e de feito poderían servir para construír mellores relacións comerciais entre a UE e os países pobres; sempre que non se continúe cun sistema que defenda os intereses das grandes compañías agrícolas e prexudique aos campesiños do terceiro mundo.

Que agarda das inminentes eleccións europeas, pode subir a dereita por mor do medo á crise?

É difícil de predicir, depende moito de cada estado e de quen teña o poder neste intre. Con todo, nos  Estados Unidos, que é o centro deste colapso global, a dereita ficou moi desacreditada e chegou ao poder unha certa socialdemocracia a través de Obama. Agardo que isto se poida repetir noutros estados.

VÍDEO DE A NOSA TERRA

 
Seg. >
Themes and Templates by dezinedepot