Walden Bello e o mundo que vén
 David R. Rodríguez-. Falou Bello da Socialdemocracia Global como a doutrina que ha hexemonizar, con toda probabilidade, o vindeiro pensamento político e económico despois de décadas de reinado neocon.

De igual xeito que para a igrexa católica hai un antes e un despois do Concilio Vaticano II, para a economía mundial hai un antes e un despois da reunión <http://www.expansion.com/actualidad/especiales/g8-g20/ > do G-20 na capital dos EEUU en novembro de 2008. Se o primeiro deixou inservible o Concilio Vaticano I, a segunda supuxo a cancelación do chamado Consenso de Washington <h ttp://firgoa.usc.es/drupal/node/2492> . Sobre o significado deste fito histórico e do horizonte, ou horizontes, que se abren perante nós falou o profesor Walden Bello <http://www.waldenbello.org/> na Facultade de Economía, en Santiago de Compostela, o pasado 26 de maio deste ano 2009. Como xa viña argumentando nalgúns dos seus artigos <http://www.altermundo.org/content/view/877/1/> , Bello debullou na conferencia organizada polo Foro Social Galego <http://www.forosocialgalego.org/>  e pola Universidade Invisíbel <http://www.invisibel.net/> os reposicionamentos aos que se verá abocado todo o espectro político despois da crise financeira mundial. Se após a crise do 29 o keynesianismo dun Franklin Delano Roosevelt impúxose como a boia que habería reflotar —en feliz metáfora do orador— o submarino avariado da economía mundial; na era Obama será o neokeynesianismo dos Stiglitz, Krugman, Soros, Held e mesmo Bill Gates, a medicina que paliará a enfermidade mortal que ciclicamente padece o capitalismo.

Falou Bello da Socialdemocracia Global como a doutrina que ha hexemonizar, con toda probabilidade, o vindeiro pensamento político e económico despois de décadas de reinado neocon. En opinión do filipino, este conglomerado de ideas caracterizarase, grosso modo, polos seguintes principios:

  • Mantemento do proceso globalizador e da integración dos mercados.
  • Mantemento do crecemento económico mitigando as posibles desigualdades que este poida xerar.
  • Mantemento do libre comercio pero cunha maior atención ás políticas ambientais.
  • Restablecemento do multilateralismo.
  • Diminución ou condonación parcial da débeda externa dos países pobres para reactivar a economía.
  • Potenciación, baixo o paraugas dos obxectivos do milenio, de programas de axuda, tipo Plan Marshall, aos países pobres.
  • Impulso dunha segunda revolución verde en África baseada principalmente no uso de sementes transxénicas.
  • Impulso dunha economía máis ou menos sostible liderada polos gobernos.

A tarefa asignada por Bello aos “verdadeiros progresistas” ante este programa da Socialdemocracia Global é a de —aproveitando o que estas políticas teñan de positivo— desenmascarar o que teñen de maquillaxe ou —directamente— de salvavidas do capitalismo. As principais eivas glosadas por Bello destas políticas foron:

  • Non cuestionar o proceso globalizador e partir de que a globalización é querida polas persoas.
  • Non cuestionar a existencia do mercado.
  • Tratarse dun proxecto tecnocrático onde as decisión son tomadas de arriba a abaixo sen consultar ás persoas.
  • Asumir a tarefa de salvadora e relexitimadora do capitalismo global igual que o keynesianismo o foi, no seu momento, do capitalismo nacional.
  • Preferir a xestión social fronte á liberación social.
  • Preferir a tecnocracia fronte á participación.
  • Preferir o capitalismo monopolista fronte á creación dun sistema post-capitalista de propiedade.
  • Preferir globalizar fronte a desglobalizar.
  • Preferir un capitalismo verde fronte a unha verdadeira economía sostible.

Pero todo sería demasiado sinxelo se a única confrontación estribase no debate reformismo vs. transformación. Coma un terceiro en disputa, o populismo autoritario que empeza a ensaiar timidamente Sarkozy e enerxicamente o Partido pola Liberdade do holandés Geert Wilders <http://www.publico.es/internacional/063537/diputado/neerlandes/cuelga/internet/corto/anti/islam> , ameaza con xogar no momento histórico actual o mesmo papel xogado polo fascismo nos anos trinta. A apelación aos lazos comunitarios nacionais pre-políticos e a unha retórica antiliberal mesturada cun agresivo discurso anti-inmigración pode converterse nun cóctel explosivo que propicie formas de exclusión e racismo inéditas.

Botando unha ollada á nosa realidade inmediata pronto recoñecemos algunhas das ideas expostas por Walden Bello. Neste sentido, o chamado “Novo modelo económico <http://www.publico.es/espana/224918/zapatero/plantea/bases/economia/verde>” que pretende impulsar José Luis Rodríguez Zapatero tras o esboroamento da economía do tixolo encaixa punto por punto cos principios do que o sociólogo de Manila denomina Socialdemocracia Global. Retórica da sostibilidade, potenciación das chamadas enerxías verdes, impulso ás novas tecnoloxías como método para camiñar cara a un capitalismo cognitivo, etc., sen cuestionar en ningún momento nin a lóxica globalizadora nin a necesidade da propia economía de mercado. Non en van participou Stiglitz na redacción dalgún que outro programa electoral do PSOE, nin é casualidade que Krugman sexa habitual na prensa económica do grupo PRISA, ou que o risoño Bill Gates dea o seu beneplácito <http://www.cincodias.com/articulo/tecnologia/Bill-Gates-aprueba-medida-Zapatero-incoporar-portatiles-primaria/20090526cdscdstec_4/cdstec/>  aos mantras de “ordenadores para todos” tan do gusto de ZP.

E aínda que José María Aznar —coa súa insistencia <http://www.abc.es/20090424/nacional-politica/jose-maria-aznar-semanal-20090424.html> en receitar políticas económicas que xa se demostraron fracasadas— recorde nestes momentos a figura extemporánea do cura dunha aldea remota que, descoñecendo a celebración do Concilio Vaticano II, seguise a impartir misa en latín; o PP (e outros anexos coma UPyD) ten todas as papeletas —fronte á Socialdemocracia Global do PSOE— para ocupar no estado español o posto do que Bello denomina: novo populismo autoritario de retórica antiliberal. No caso de que o neokeynesianismo consiga impoñerse definitivamente como política económica hexemónica, o Partido Popular irá mudando paulatinamente o seu discurso económico cara a posicións menos darwinistas e botará man do rearme nacionalista e do discurso anti-inmigración para diferenciarse do seu pseudo-antagonista. Pero se xa a perspectiva esbozada por Bello de que o autoritarismo populista antiliberal resulte triunfante é sombría de seu, a min ocorreseme unha cuarta pata de banco aínda máis lúgubre: que o discurso neocon se negue a morrer e que, optando por deixar de lado a democracia liberal de mercado, prefira reconstruírse arredor do binomio autoritarismo político e ultra-liberalismo económico. Ou, dito doutro xeito, que ao final todos —como quería Aznar e o cura da aldea remota— acabemos tragando, por moito Concilio Vaticano II que poidamos esgrimir, misas en latín por decreto. E metralla.

 
< Ant.   Seg. >
Themes and Templates by dezinedepot