"Reganosa non sería posíbel sen a complicidade institucional"
 Duarte Romero-. O instalación e posta en funcionamento da planta regasificadora de Reganosa na ría de Ferrol foi un dos principais conflitos sociais que se deron en Galiza nos últimos anos. Durante a mañá do sábado, membros do Comité Cidadá de Emerxencia (CCE) da ría de Ferrol, achegáronse a este encontro do Foro Social Galego para expoñer a xestación deste proceso.

O encargado de dar comezo á palestra de hoxe foi Manuel Rodríguez Carballeira “Lalán”, coordinador do CCE e membro da Asociación Cultural Fuco Buxán. Durante a súa intervención sintetizou o proceso polo cal o proxecto da planta de gas mudou a súa ubicación do porto exterior ao interior da ría. Lembrou que após un estudo feito en 1994, acordouse que o mellor lugar para situar a planta de gas sería no exterior da ría. Nesta década proxectouse o porto exterior precisamente para colocar alí a planta e liberar a ría de tráfico de mercadorías perigosas. De feito, a súa viabilidade económica estaba vencellada ao transporte de gas e de carbón. Porén, no ano 1997, o goberno central privatiza Enagas e o proxecto da planta de gas cancélase. Rodríguez denunciou que o Grupo Tojeiro aproveitou esta circunstancia para proxectar a construción doutra regasificadora no interior da ría, ao carón de Forestal del Atlántico, unha petroquímica propiedade do mesmo grupo. Segundo o coordinador do CCE, “Reganosa non sería posíbel sen a complicade institucional”, xa que nun acordo secreto asinado entre o Grupo Tojeiro e Manuel Fraga, a Xunta comprometíase a eliminar os “problemas de viabilidade económica ou administrativa” que tivese a instalación da planta. Rodríguez aproveitou para denunciar que o Grupo Tojeiro está interesado en ubicar a regasificadora ao carón de Forestal del Atlántico porque a concesión da petroquímica finaliza no 2017, e a instalación de Reganosa aí podería levar a unha renovación.

A segunda parte da charla correspondeulle ao enxeñeiro industrial Carlos Álvarez, quen centrou a súa exposición nos problemas de seguridade que presenta Reganosa. En primeiro lugar sinalou que a planta de gas se atopa illada do mar aberto por unha estreita canle que os grandes buques gaseiros só poden cruzar de día e coa marea alta. Iso si, sempre e cando tamén se dean unha serie de circunstancias favorábeis no que respecta a vento e visibilidade. Segundo Álvarez isto supón un enorme risco, xa que no caso de que haxa unha emerxencia, o barco non pode saír a mar aberto. No caso de que houbese unha fuga, o gas natural (que se transporta en estado líquido) comezaría a expandirse e a volver pouco a pouco ao estado gasoso, cun risco de explosión moi elevado. Por outra banda, Álvarez tamén explicou os problemas que Reganosa representa para a fauna mariña. O uso de auga da ría para refrixerar a planta, provoca a súa esterilización, polo que empobrecería a calidade da auga, matando isto á fauna da ría.

A terceira intervención da mañá correspondeulle a Luz Marina Torrente, presidenta da Asociación de Veciños de Mehá (unha das poboacións máis próximas á planta) e membro do CCE. Durante o seu relatorio, Marina quixo explicar a loita que levaron a cabo os veciños e veciñas de Ferrolterra desde que o Grupo Tojeiro comezou coa instalación da planta no interior da ría. A formación do Comité Cidadán de Emerxencia da ría de Ferrol constitúese formalmente en xuño de 2001, pero foi a mediados de 2004, ante a ampliación do movemento, cando se conformou a Asemblea Cidadán, integrada por representantes de máis de cincuenta asociacións e por representantes individuais. Marina sinalou que este colectivo tivo que se enfrontar contra un conglomerado de intereses económicos, políticos e mediáticos que conseguiron que até o 2007 o movemento opositor fose silenciado, comezando a partir de aquí as máis grandes mobilizacións que aínda continúan hoxe e que continuarán até que a planta sexa transladada.

 
Seg. >
Themes and Templates by dezinedepot