Adela Figueroa: "Hoxe calquera tipo de crecemento resulta insostible"

 Santiago Agra-. É posíbel seguir medrando? O crecemento sustentábel é unha alternativa ou unha falacia? Adela Figueroa, presidenta de ADEGA e Clara, da cooperativa de consumo responsábel Cova da Terra, buscan concienciar a xente dos límites que ten o noso planeta, evidenciados pola pegada ecolóxica do ser humano.

Como define vostede a “pegada ecolóxica”?

Adela Figueroa: A pegada ecolóxica é un instrumento para poder avaliar o impacto que cada ser vivo ou cada sociedade produce no sistema terra na súa globalidade. Chegouse a definir este método avaliando a capacidade que ten a Terra de produción e a capacidade de absorción de refugallos. É a cantidade de terra fértil medida en hectáreas ou volume de masa de auga de océano fértil que cada persoa ou grupo social precisa para o seu sustento e para absorber os refugallos que produce. É un concepto eminentemente ecolóxico entendendo a Terra no seu conxunto. Ten unha compoñente de solidariedade ou equidade implícita na súa definición. Evidentemente se unha persoa produce unha pegada ecolóxica superior ao que a Terra podería soster quere dicir que outra persoa está producindo unha pegada ecolóxica moi pequena. Avaliada o global da pegada ecolóxica que a terra podería soster correspóndenos 2,8 hectáreas por persoa neste momento considerando o número de persoas que hai no planeta.

Que pegada ecolóxica ten Galiza?

Adela Figueroa: Os galegos producimos unha pegada ecolóxica entre 4,5 e 5 hectáreas para o noso sostemento e absorber os nosos refugallos. Isto quere dicir que haberá xente que non ten nada. Por exemplo un habitante de Bangladesh produce unha pegada ecolóxica de 0,99, quere dicir que el só gasta 0,99 hectáreas para o seu sostemento e absorber os seus refugallos. Isto defróntanos contra unha realidade, por iso a min paréceme que debe de ser introducida nos programas educativos como un dos factores importantes da educación e debe ser avaliado nos gobernos dos grupos sociais e dos países.

Porque temos esa pegada ecolóxica?

Adela Figueroa: Eu citei Galiza expresamente porque non é un lugar onde teñamos consciencia de que haxa un nivel económico moi alto, e sen embargo estamos producindo unha pegada ecolóxica moi alta no planeta. Isto quere dicir que hai algo que está desequilibrado, que hai algo que non está funcionando, iso é realmente o que se busca cando se fai a análise da pegada ecolóxica. Sabemos a que se debe, fundamentalmente ás emisións de CO2 das Pontes, a contaminación de Alúmina-Aluminio e un mal uso dos recursos enérxicos e os materiais de que dispomos

Clara: O modelo galego de vida está cambiando, xa é un modelo como o dos países industrializados a máis alto nivel: concentración de moita poboación nas grandes cidades e eliminación de poboación no rural. Toda a xente se sitúa na cidade pero non traballan alí, moitos traballan fóra. Iso esixe uns movemento de transporte privado altísimos que é o que se está potenciando destruíndo ademais o transporte público.

Está a sociedade preparada para afrontar o decrecemento?

Clara: Onte escoite na radio, nun medio público, escoitei falar por primeira vez de decremento. Se empeza a chegar aos medios de comunicación algo é, e non era unha radio que poidamos tinguir de alternativa. Falaban do tema do transporte ante a crise, que é unha cousa que nos vai facer reflexionar, é o bo que teñen as crises, e empezan a comentar que o sector da automoción chegara ao seu tope. Cando ti chegas a un tope, o único que queda se es intelixente é manterte ou decrecer. Fronte a iso o que nos fai a sociedade capitalista e consumista é falar do concepto de desenvolvemento sustentable como unha forma de adormecer as conciencias. Sempre que vai unido crecemento implica un maior aumento da produción, o consumo e do nivel de vida. Estamos no tope de certos sectores, temos que avaliar cales son e empezar a pensar no decrecemento.

Adela Figueroa: Neste estados no que estamos calquera tipo de crecemento resulta insostible. Non podería crecer toda a humanidade ao mesmo tempo que está crecendo unha parte do mundo. Estamos defrontándonos cunha forte inxustiza social, porque se todo o mundo tivese o mesmo acceso ao crecemento que ten o mundo chamado desenvolvido o Planeta non o podería soportar. Por iso o concepto de pegada ecolóxica é tan importante, porque é o que mide o noso impacto na globalidade.

 
Seg. >
Themes and Templates by dezinedepot