Elías Torres: “O reintegracionismo permite achegarnos á Lusofonía”

 Santiago Agra-. Galiza e a Lusofonía, unha relación que semella comezar a mellorar. Elías Torres, vicerreitor de Cultura da USC e presidente da Associação Internacional de Lusitanistas,interveu para amosar a súa visión sobre a actual relación entre o noso país e a comunidade de países de lingua portuguesa.

Agora que vostede é presidente da Asociación Internacional de Lusitanistas, e coa creación da Academia Galega da Lingua Portuguesa, pensa que Galiza está a gañar peso na Lusofonía?

Non quero e non debo analizar a cuestión da Academia Galega da Lingua Portuguesa aínda que certamente tivo un apoio institucional importante en Portugal e Brasil. No caso da Associação Internacional de Lusitanistas é verdade que isto é así. Foi destacado mesmo polo presidente de hora da Asociación, o profesor Hélder Macedo, o feito de que un galego viñese a presidir a Asociación. Penso que nos termos institucionais e socias e tamén nas áreas científicas e académicas nos dá un peso importante, repárese que a dirección da revista recae noutra galega e a secretaría xeral tamén nun mundo en que as vocalías pertencen a profesorado desde Polonia a Portoalegre ou desde Oxford a Coímbra. É un adianto importante.

Que pode achegar o movemento reintegracionista ao altermundialismo?

A posibilidade de que unha comunidade como a galega, o pobo galego, poida usufruír mellor e de maneira máis accesíbel e identitaria ao mesmo tempo todos os capitais simbólicos e culturais que funcionan no mundo da Lusofonía. Ese un elemento importante e ao mesmo tempo mostrar como a diversidade é sempre un capital importante dentro do recoñecemento de outros como similares ou como iguais.

Vostede sinalou que Galiza vive nunha precaria autarquía. Que pode facer a USC, tradicional bastión do isolacionismo?

A USC non foi o bastión do isolacionismo. O Instituto da Lingua Galega, que está dentro da USC, é un instituto que fixo propostas e chegou a acordos coa Academia Galega para unha proposta conxunta de norma, que certamente eu non partillo aínda que obviamente respecto. Eu penso que unha Universidade como a nosa, que nos seus propios estatutos reclama a aproximación e o intercambio particularmente cos países de lingua oficial portuguesa pode facer a moitos niveis moitas cousas. Para iso precísase tamén apoio económico, que é fundamental, e despois pode orientar, e así o está facendo en varias das súas dimensións, as súas políticas de intercambio, de cooperación, colaboración e de integración dentro da área da Lusofonía.

Que efectos ten o Acordo Ortográfico no reintegracionismo galego?

A miña opinión é que o acordo entre Portugal e Brasil modifica o panorama. Penso que de un certo punto de vista Galiza debería facer un inventario cultural das formas que quere preservar dentro da unidade ortográfica dentro da Lusofonía e ao mesmo tempo adherir ao acordo.

 
< Ant.   Seg. >
Themes and Templates by dezinedepot