Manuel Monge: "Só se pide xustiza e coñecer a verdade"

 Santiago Agra-. A memoria histórica é dos temas de actualidade na nosa sociedade. Moitos activistas no país loitan por coñecer que ocorreu realmente ao longo de todos os anos de represión franquista. Manolo Monge, sociólogo e membro da Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica na Coruña, participou no FSGal para dar a coñecer o seu traballo.

Vostede como sociólogo pensa que a sociedade está preparada para afrontar esta realidade?

Eu penso que está preparada sempre e cando haxa unha explicación dos motivos. A explicación fundamental aquí é que houbo unha Transición á democracia dentro da que había un pacto de silencio entre os grandes partidos para ese tema deixalo esquecido, porque non foi unha ruptura democrática senón unha ruptura pactada, e houbo un pacto. Entre as mesmas persoas que protagonizaron esa transición estaban xente que tivo un papel moi destacado de servizos á ditadura e participou na represión, como é o caso de Manuel Fraga e os prexudicados deste pacto de silencio foron as vítimas da represión franquista que quedaron esquecidas.

Porque xorde agora esta preocupación pola memoria histórica?

Porque houbo uns movementos sociais que estivemos traballamos durante anos que deron lugar á Lei de Memoria Histórica, unha lei que algúns din que é insuficiente, que é verdade, pero que tamén ten aspectos moi positivos. A cousa boa é que por primeira vez se condena como tal e se denuncia á ditadura e hai un recoñecemento, aínda que sexa moral, a todas as vítimas. Hai tamén algún tipo de acordos para que os gobernos e as distintas administracións se impliquen máis no tema das exhumacións, simplemente a nivel de colaboracións e despois ten sombras. A principal é que non hai unha anulación dos xuízos e as sentencias do franquismo, senón que se deixa á iniciativa particular. Isto é unha cousa moi negativa porque realmente van quedar todos os feitos realizados polos franquistas sen xulgar.

Que opinión lle merece a iniciativa do xuíz Garzón?

Ten moito que ver coa represión e de memoria histórica, independentemente da valoración xurídica que se poida facer, algúns din que foi unha garzonada, unha cousa bastante imprudente por parte do xuíz Garzón, pero está claro que a nivel político foi un bombazo. Algúns din que é un documento histórico que hai que ler. O xuíz Garzón define o que se fixo como crime contra a humanidade e aos causantes como criminais. Independentemente que poidan ir ao cárcere ou non, porque están mortos, é un avance moi importantes. O xuíz Garzón pon en evidencia son as miserias e as vergoñas do propio estado, que non foi capaz en trinta anos de acometer o tema. Apareceron cento e pico mil persoas en fosas comúns, nas cunetas e os diferentes gobernos do PSOE e do PP estiveron durante 30 anos mirando para outra parte. Estivemos aparecendo como abandeirados da democracia e dos dereitos humanos, reivindicando que houbese que xulgar a Pinochet, que había que coñecer as desaparicións en Arxentinae temos o mesmo problema en casa. Cando se piden investigación en Arxentina ou en Chile iso non é abrir feridas, está moi ben, pero cando nos toca a nós iso é un tema que non se pode tocar.

Pode seguir adiante este proceso ou haber máis?

Eu penso que vai haber, porque este é un proceso aberto e que pode haber máis iniciativa doutras asociación. O que fixo a fiscalía (e detrás dela está o Goberno, así de claro) foi trasladalo ás audiencias territoriais, pero pode haber un xulgado territorial que se negue o xuíz a iniciar ese proceso, e pode haber recursos e vai haber que estar preiteando. A represión do franquismo está aínda por coñecerse. Hai que facer unha “comisión da verdade”, que é un dos aspectos todas asociacións pola memoria histórica onde estean expertos historiadores e xente interesada en recuperar a memoria e debe coñecerse a verdade. O único que se pide é xustiza e coñecer a verdade.

Que iniciativas van levar adiante desde aquí neste eido?

Pensamos convocar a nivel de Galicia ás asociacións que traballan pola memoria histórica a ver se conseguimos unha postura conxunta para levar adiante unha reclamación para as exhumacións por un lado e polo outro coñecer a verdade. O outro día aparecía a propia conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo dicindo que a Xunta xa tiña facultade políticas abondo para iniciar ese proceso de levantamento destas vítimas do franquismo e ía asumir esa iniciativa. É algo que reivindicamos desde hai tempo, as exhumacións non podían quedar na mans das iniciativas privadas das asociacións, polo custe que teñen e polas garantías xurídicas e científicas. Tamén é que se cree dentro da propia Xunta unha “Comisión da Verdade” que investigue toda a represión en Galicia. Ata este momento hai 4000 persoas xa censadas que foron asasinas en Galicia e eu espero que esa cifra poida superar os 5000 na relación de nomes.

Cales foron as principais dificultades que atoparon para desenvolver o seu traballo?

Tivemos máis antes que agora. Afortunadamente cambiaron as cousas a nivel político. O feito de que haxa un cambio no reitorado facilita moito as cousas. O equipo reitoral actual facilita moito as cousas, cedeunos incluso un local da Universidade para poder reunirnos. E despois tamén axudou que houbo cambio de goberno no municipal, que se nota a nivel de utilización das infraestruturas municipais, a nivel de cultura e maior apoio para as reivindicacións da memoria histórica e a supresión da simboloxía franquista. Agora mesmo creouse unha comisión de Honras e Distincións ampliada con seis expertos, onde participo eu tamén, e imos facer un repaso da simboloxía franquista e das rúas que hai que eliminar do franquismo propoñendo sempre outras alternativas.

Considera necesaria a axuda institucional?

Todas estas axudas son imprescindibles para levar adiante as investigacións e os actos que realizamos. Son actos públicos, gratuítos que precisan un investimentos que nos non podemos facer coas cotas dos socios, con dous euros ao mes que pagamos. Axudaron moito a que puidésemos realizar actividades, o mesmo que a instalación do monumento aos mortos do Portiño, que tamén tivo tivo esa subvención da presidencia do goberno. Estamos nesa liña de colaboración coas institucións e penso que é bastante frutífera.

Cales son os principais eixos de traballo de cara o futuro?

Temos varias liñas de traballo propio. Unha é recuperar a memoria oral. Está morrendo a xente que pode transmitir eses coñecementos que non están nos libros de historia e levamos xa tres ou catro anos traballando e temos gravadas cincuenta ou sensenta entrevistas de xente que pode achegar moito, o día que se publique, ao que foi a represión na zona da Coruña. Outra das liñas é homenaxear ás vítimas da represión franquista, a través de levantar monumentos. Estamos agora facendo un traballo para haber se conseguimos recuperar os todos nomes das persoas asasinadas na comarca da Coruña, que son 800 máis ou menos, e imos intentar facer un monumento no cemiterio de San Amaro un monumento co nome de todos eles. Tamén unha lembranza destas vítimas do franquismo facendo roteiros guiados polas zonas da represión. Isto axuda moito a conectar que xente vexa que estamos na rúa e que estamos recuperando a memoria. Fixemos xa tres ou catro marchas, que nós chamamos “a marcha da vergoña” percorrendo os sitios onde hai simboloxía franquista, con bastante asistencia de público. Agora estamos preparando un congreso sobre o movemento guerrilleiro galego para recuperar tamén e homenaxear ás todas persoas que estiveron loitando aí coas armas o contra o réxime franquista.

 
< Ant.   Seg. >
Themes and Templates by dezinedepot