Un compromiso contra a trata de persoas

 Santiago Agra-. Moito temos escoitado falar sobre o tráfico e a trata de seres humanos no mundo de hoxe. Falamos de redes mafiosas, de emigración en condicións extremas e de barreiras de ferro nas portas da Europa da libre circulación de persoas. Pero sabemos realmente o que é o tráfico de persoas? E a trata? Nanina Santos, da revista feminista Andaina, tratou de resolver as dúbidas sobre un tema que precisa dun forte compromiso para combatelo.

A pesar da confusión trata e tráfico son dous conceptos diferentes. A trata fai referencia a empregar a persoas en proveito propio e de xeito abusivo. Pola contra o tráfico é o cruce dunha fronteira internacional de xeito irregular. Para definir os termos Nanina guiouse polo Convenio de Varsovia de 2005 contra a trata de brancas, documento asinado, mais non ratificado, polo Estado Español. O feito de se hai ou non consentimento, ou as formas de conseguir o sentimento, foi un dos puntos fortes do debate, xa que pode mudar unha situación pola outra.

Un dos problemas máis comúns á hora de loitar contra estas redes é a negación da realidade que fan as autoridades. Ao non interesar a visibilización deste problemas, carecemos de cifras que nos permitan avaliar cal é a realidade a día de hoxe no noso país. Outra gran barreira a superar para Nanina é o tratamento legal do problema. Non se busca protexer ás vítimas, senón perseguir aos delincuentes, o que deixa aos e ás afectadas nunha situación de total indefensión. Un persoa só recibe axuda se denuncia ao explotador, cousa que non ocorre noutros casos como as vítimas do terrorismo. Coñecer a realidade da trata no mundo e no nos país é un dura tarefa. Organizacións como Amnistía Internacional achegan cifras sobre a situación, mais non coñecemos se son fiábeis, porque non sabemos onde e como están recollidas.

Trata e prostitución

Un dos principais eixos do debate foi a relación entre trata e prostitución. As redes mafiosas existen, pero é difícil detectalas e conseguir que as mulleres forzadas saian desa situación. Nanina propuxo empregar a clientela da prostitución como medio para descubrir esas redes en vez de criminalizar os usuarios, como fai unha parte do feminismo.

Cómpre confrontar a sociedade cunha realidade que por moi negada que sexa non deixará de existir sen un compromiso firme. Nanina aproveitou para facer un chamamento ás organizacións participantes no FSGal a loitar contra esta situación e rematar coa trata de persoas en todo o mundo.

 
Seg. >
Themes and Templates by dezinedepot