| COMO FOI O FSGAL 2008 | ||||||
|---|---|---|---|---|---|---|
|
| PROGRAMACIÓN 2008 | ||||||
|---|---|---|---|---|---|---|
|
| PARA MEDIOS (2008) | ||
|---|---|---|
|
| Vindeiros eventos |
|---|
|
There are no upcoming events currently scheduled. Ver todo o calendario |
| Renda básica, igualdade e o dereito de non traballar |
|
A última sesión de debate do Foro Social galego non defraudou. A aula 11 da faculdade de Filoloxía estaba ateigada de persoas dispostas a escoitar e participar no debate sobre a renda básica (RB), unha ferramenta demonizada polo aparato mediático e que percura asignar a todos os cidadáns unha cantidade de cartos anual, independentemente dos seus ingresos e idade. Daniel Raventós foi o encargado de dar a coñecer unha medida que xa foi presentada no Parlamento español polos deputados de Esquerra Republicana de Catalunya e Izquierda Unida-Iniciativa per Catalunya e que obtivo, de regalo, durísimas descualificacións no xornal Expansión, afín á patronal, e que outorgaba a esta medida unha natureza pérfida e manifestamente perversa. Non hai máis que engadir. “A renda básica é un ingreso pagado polo estado a cada membro de pleno dereito da sociedade. Nos distintos modelos de RB hai variacións de contía, de idades, etcétera. Garante a existencia material de todos os cidadáns e, por tanto, garante a liberdade nun sentido estrictamente republicano” explicou Raventós aos asistentes, ao tempo que lembrou que, de adoptar esta medida, estaría garantida tamén a independencia dos traballadores, ao non depender dun traballo remunerado para garantir a súa supervivencia material. Para ser máis explícito, propuxo un exemplo claro: “Temos unha familia: papá, mamá e dous nenos. Collendo a renda básica calculada hai uns anos, no 2005, en total saen 5.414 euros destinados aos adultos e a metade para os nenos, sáenos que esa familia percibiría16.242 euros anuais exentos de calquer imposto directo. Agora serían máis porque é un cálculo antigo. Con estes cartos, terían a manutención garantida. Hoxe en día, calcúlase que o vinte por cento da poboación está nos vieiros da pobreza e as previsións son peores”. Continuou explicando cal sería o baremo para obter eses cartos dos contribuíntes. O importante non é que todos teñan dereito a percibir a RB, senón que as persoas con rendas máis altas non sairían gañando despois de aportar máis aos impostos. “O 75 % dos cataláns tería beneficios desta medida. De feito, cando se propuxo no Congreso dos Deputados, foi rexeitado polos populares e os nacionalistas vascos e cataláns”. Foi especialmente duro un deputado vasco ao sinalar que “queren crear o dereito a non traballar ¡que diabólico1”. Raventós continuou explicando a diferencia entre a RB –que é, lembremos, universal e incondicional-- e as axudas ou subvencións que crea o Estado do Benestar, xa que estas, por moi xenerosas que poidan chegar a ser, están condicionadas pola verificación que fai o sector público da suficiencia de ingresos recibidos no mercado laboral por parte de quen é beneficiario da axuda. Pero, como parece o sino dos debates e conferencias que se celebraron ao longo da fin de semana, a realidade imponse e, sobre todo, o sentido común e a veracidade de non vender medidas concretas como solucións. O chan non está enlousado con pedras filosofais e o poñente quixo lembrar que adoptando esta medida non van a desaparecer nin as multinacionais nin os paraísos fiscais, axentes que vampirizan os capitais e deslocan riquezas. Aínda así, defendeu a medida com. un garante da independencia cidadá. A seguir, a intervención de Antoni Doménech serviu para practicar un fermoso exercicio par combater a propaganda con historia e factos para explicar que a renda básica e a cidadanía plena universal camiñan xuntas. Se a versión mutante do capitalismo salvaxe engole feites e desdebuxa situacións, Doménech aproveitou o seu tempo para trazar a historia do concepto de cidadanía e cómo este foi ameazado desde os seus albores polo poder económico e militar. “O dereito de voto pasou de ser exclusivo a total gracias ás accións do partidos de esquerda e á súa capacidade de manterse unidos durante as folgas, por duras e longas que estas fosen. Foi a súa acción a que permitiu acadar dereitos colectivos. Cando alguén afirma que durante o segundo Reich concedeuse o voto universal falsea a realidade”. Incidindo no punto das conquistas sociais, o catedrático quixo deixar patente que as conquistas sociais acadadas tras moitos anos de loita voaron desde os anos noventa coa progresivas políticas de “estimulación de emprego” e recorte de dereitos laborais xa que os traballadores non tiñan alternativa. Coa desaparición das caixas de resistencia e a mutación total dos sindicatos, o mundo esvarou cara o “sálvese quen poida” e a devaluación do traballo. Ou á depresión, ou frustración dunha ocupación alleante desempeñada porque non existe xeito de subsistir sen pasar polo traballo remunerado. Durante o seu turno, Xosé Manuel Beiras cedeu amábelmente o seu tempo de intervención para que proseguise o debate cos asistentes, no sen antes lembrar que a contradicción entre a estrutura cidadá e a superestrutura xurídica se atopan nun momento de tensión e que, de vencer o aparato xurídico como xa aconteceu non pasado, chégase a etapas escuras de totalitarismo. Proseguiu defendendo a RB como unha ferramenta que permite alixeirar a presión do aparato estatal e concluíu afirmando que unha conquista revolucionaria dese tamaño non poderá chegar sen forzar a situación ata que as rendas máis altas se vexan obrigadas a colaborar. “Unha empresa democrática non é capitalista. É unha mpresa controlada polos traballadores”. Durante o turno de debate, xurdiron voces que reflexionaron sobre a capacidade do sistema para recurtar outros ingresos, os salarios nomeadamente, da cidadanía se algún día se chegase a implantar a RB. |
| < Ant. | Seg. > |
|---|







